Xa na rúa a nova “Memoria dos Cabaqueiros”

Logo de varios meses de traballo, preséntovos a miña última publicación: Memoria da XXX Festa do Cabaqueiro, editada polo Concello do Rosal en outubro deste 2018 e que xa a podedes adquirir por un módico prezo en dependencias municipais.
Nas súas páxinas pódese ler unha crónica de todo o que aconteceu na 30ª edición da Festa do Cabaqueiro do pasado ano, ademais de recoller o interesantísimo pregón pronunciado polo enxeñeiro do Rosal, Rafael Vicente Fernández.

Igualmente foi un pracer entrevistar ao antigo cabaqueiro Heliodoro Rodríguez González, coñecido popularmente como “Lelo” ou “O Troya”, que nos conta como traballou “taxicando cabacas e toupos a joucha” en Ourense, León ou mesmo en Extremadura. Especial lembranza tamén para Luis Vicente “Garrido”, colaborador da Festa, que finou en decembro de 2017.

En canto ao estudo e investigación deste vello oficio tan característico do Baixo Miño, máxime nas vilas do Rosal e A Guarda, ofrécese un pequeno traballo sobre a “Telleira da Devesa de Rebadillo en Pías-San Miguel de Tabagón“, o artigo “Quen é… e quen pode ser un daorde“, “10 cousas que -posiblemente- non sabías do Cabaqueiro“, así como un pequeno vocabulario con algunhas das palabras máis significativas do “latín ou verbo dos daordes”.
