Visitas e rutas guiadas por A Guarda e O Rosal

Dende os concellos da Guarda e do Rosal comunícase que dan comezo as visitas e rutas guiadas, tanto polo Monte Trega como polos Muíños do Folón e Picón ou mesmo a Senda de Pescadores Río Miño-Tamuxe.
Este xoves 17 de xuño “arrancan na Guarda as visitas regulares guiadas ao Monte Santa Trega, unhas visitas que terán lugar os xoves, venres, sábados e domingos ata o 12 de setembro.
As visitas guiadas ao Monte Santa Trega contan este ano con tres espazos emblemáticos, como son o entorno da ermida, o Castro de Calvo e o Castro do barrio de Mergelina, onde se teñen realizado importantes tarefas de re-escavación e consolidación para a súa posta en valor”.
Para participar nas visitas guiadas é preciso unha inscrición previa no teléfono 690017038. A organización das visitas en grupos reducidos “permite unha maior comprensión e desfrute por parte dos participantes nas mesmas. O punto de encontro e de saída destas visitas será no aparcamento da antiga Casa Forestal”.

Pola súa banda O Rosal “volve traer este verán unha proposta de lecer para desfrutar da natureza coñecendo un pouco máis o patrimonio cultural e etnográfico do municipio. Deste xeito, durante os meses de xullo e agosto organizaranse un total de 26 visitas guiadas polos muíños do Folón e do Picón e pola Senda dos Pescadores que se dividirán en tres modalidades diferentes, unha delas dirixida a público familiar.
As persoas interesadas poden inscribirse xa nas:
Visitas guiadas á ruta dos muíños do Folón e do Picón (PR-G 94), de 3,5 quilómetros de percorrido, homologada pola Federación Galega de Montañismo e na que se afondará na descrición e historia dos muíños.
Visitas guiadas para familias nos muíños, con percorrido e contidos adaptados á idade das persoas participantes e onde cativas e cativos terán que ir resolvendo unha serie de probas axudados polas súas familias. Está indicado para menores de entre 4 e 8 anos.
Visitas polo Sendeiro de Pescadores Río Miño-Tamuxe (PR-G 112), unha ruta de 7,2 km homologada pola Federación Galega de Montañismo e na que se irá facendo unha descrición e explicación da fauna e da flora e da historia das diferentes parroquias que atravesa.