Visita ao Culturgal co CEUXC da Universidade de Santiago

A pasada fin de semana, do 26 ao 28 de novembro, celebrouse CULTURGAL 2021 no Pazo da Cultura de Pontevedra.
Achegámonos ata a Feira convidados pola organización do Curso de Experto Universitario en Xestión Cultural, da Universidade de Santiago de Compostela, do que tivemos o pracer de formar parte na súa última edición (2020-2021).
Alí xa nos esperaban os titores Sergio, Ruth e D.Meizoso que, xunto coa compañeira Sara, foron os “guías turísticos” cos que os participantes no CEU percorremos os diferentes stands de librerías, editoriais ou mesmo de concellos e institucións públicas e privadas.
Tal e como se lembra dende a asociación “baixo o lema A cultura que toca Culturgal recupera en 2021 a parte feiral tras a pandemia. Ao redor do contacto e da participación estará o motor da feira 2021. Contacto entre creadores e público, entre profesionais, entre empresas e institucións. Por iso falamos dunha Culturgal coa cultura que toca: unha feira chea de estreas, artistas e autores, alianzas e grandes proxectos para 2022. De oportunidades e reflexións. Culturgal 2021 será un bo punto de encontro para imaxinar futuros desde o ámbito da cultura. É o que toca.
Culturgal está organizada pola asociación do mesmo nome, presidida por Víctor López e constituída en 2010 para dar continuidade e estabilidade a unha feira que arrancara de maneira exitosa en 2007. Forman parte de Culturgal as asociacións profesionais máis representativas do sector: Asociación Galega de Editores (AGE), Asociación Galega de Empresas de Artes Escénicas (Escena Galega), Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM), Empresas Galegas Adicadas a Internet e ás Novas Tecnoloxías (Eganet), Asociación Galega de Produtoras Independentes (Agapi)”.