Gondomar e o IEM honran a Victoriano Taibo

Segundo me comunican dende o IEM (Instituto de Estudos Miñoráns) a través de Miguel Anxo Mouriño -do departamento de Lingua e Literatura- por décimo ano consecutivo, “o Concello de Gondomar, en colaboración co Instituto de Estudos Miñoráns, comprácese en convocar unha nova edición do premio de poesía que pretende honrar a figura de Victoriano Taibo, poeta das Irmandades da Fala, mestre galeguista, creador de ducias de artigos sobre a lingua e sobre feitos e personaxes galegos, narrador, membro da Real Academia Galega e do Instituto Histórico do Minho, persoeiro, en fin, de méritos acreditados e fondamente comprometido coa lingua e a cultura galegas”.

Dende o IEM lembran que “o premio instituíuse no ano 2008 co mecenado inicial da Entidade Local Menor de Morgadáns que, en 20015, a través do novo equipo de goberno resultante das últimas eleccións, eliminou unilateralmente o compromiso adquirido, e a continuidade do premio quedou garantida polo concello de Gondomar, que asumiu o mecenado a partir dese momento. Dende aquela data inicial o acervo literario galego incrementouse con 10 novos poemarios de 11 autores diversos que acadaron sempre críticas favorables”.

Segundo recalca M.A. Mouriño “esta aparente incoherencia entre 9 certames, 10 libros e 11 autores ten doada explicación. En 2009 o premio foi repartido ex aequo entre dous poemarios; un deles, ademais, era de dobre autoría”. Esta é a relación dos galardóns concedidos ata o de agora:

2008 Carlos negro Cultivos transxénicos
2009 Elvira Tobío e Silvia Penas Biografía da multitude // MªCarmen Caramés Cuarto minguante
2010 Mª Goretti Fariña Devastacións dispoñibles
2011 Carlos Solla Holocausto Zacoe
2012 Conchita Álvares Lebredo Distancias e simetrías
2013 Ramón Sandoval Territorios estraños
2014 Lara Rozados O caderno amarelo
2015 Iñaki Varela Do outro lado das portas
2016 Xosé Iglesias Lamela A relixión do mar

“O último poemario citado está aínda de plena actualidade, acadando críticas moi favorables e colleitando éxitos nas diferentes presentacións (incluída a realizada, suxestivamente, por el dende o seu barco) que están tendo lugar en moitos e diversos lugares de Galicia, como antes fixeron outros”.

Queda, pois, convocado, no centenario da fundación da Irmandade da Fala de Santiago, o X Premio de Poesía Victoriano Taibo dirixidos a poetas en lingua galega que queiran achegar as súas obras antes do 31 de xullo de 2017, como se recolle nas bases. O premio está dotado con 3000 euros e unha escultura conmemorativa de Fino Lorenzo.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *