Comunicado da AELG ante a pandemia do COVID-19

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega vén de remitirme o seguinte comunicado ante a pandemia do coronavirus COVID-19:

“(A Coruña, 16 de marzo de 2020) A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), ante a evolución epidemiolóxica do coronavirus COVID-19, quere manifestar, canda os máis colectivos do tecido cultural do noso país, a súa fonda preocupación polo grave impacto que están a ter na nosa sociedade as consecuencias desta epidemia, deixando un rastro de enfermidade, sufrimento, dor e perda entre toda a cidadanía. Igualmente, dende a AELG observamos con gran preocupación os efectos sociais e económicos derivados das medidas de contención da epidemia que se están a dar en todos os colectivos afectados por esta crise.

Para todos eles, a nosa solidariedade, afecto e comprensión.

As traballadoras e traballadores da cultura, entre quen nos contamos, non somos alleas ao drama desta situación que, con ser grave, probabelmente o sexa máis aínda no seu desenlace cun panorama que comportará, en moitos casos, miseria, escaseza, precariedade e dificultades para a subsistencia.

Neste momento, é incalculábel o dano que ao noso sector lle están a provocar a cancelación de todo tipo de actividades culturais en todo o Estado -o peche dos espazos escénicos, museos, bibliotecas e programas, entre outros, durante un período inicial de quince días que ben puidese ser ampliado, no peor dos supostos.

Así, o Goberno do Estado puxo xa sobre a mesa a posibilidade de adiar uns meses o pagamento da cota das persoas que están dadas de alta como autónomas. Mais aos prexuízos económicos que ocasiona a cancelación dos actos culturais, debemos engadir tamén o custo de todos aqueles gastos que as traballadoras e traballadores da cultura deberán seguir asumindo neste tempo, poñendo en serio risco o seu medio de vida e o das súas familias.

Ao forte impacto social que ocasiona a anulación de toda programación cultural no seu sentido máis amplo, cómpre engadirmos a invisibilización e o acompañamento social e económico da cultura no noso día a día, pois a cultura contribúe decisivamente ao benestar das persoas.

Paralelamente, esta crise comportará irremediabelmente o deterioro da proxección exterior -alén do espazo estatal- da nosa cultura e a nosa lingua. As consecuencias da cancelación de feiras internacionais do libro, festivais e similares, comportarán tamén importantes perdas e custos para a economía da nosa cultura.

A historia da nosa lingua e da nosa cultura é unha historia, coma a do noso país, de dificultades e carencias, pero tamén o é de compromiso, resistencia e solidariedade.

Por iso, acompañaremos a cidadanía nun esforzo compartido por superar xuntas esta crise e recuperar a normalidade nas nosas vidas. E por iso, tamén, demandamos do Goberno da Xunta de Galicia, da Consellería de Cultura e do resto de institucións que teñen capacidade para facelo, o seu compromiso inequívoco coa nosa cultura e a nosa lingua. A implementación de medidas específicas de apoio aos distintos colectivos do sector, a habilitación de partidas económicas que garantan a continuidade da nosa industria cultural e poidan contribuír a paliar as situacións aquí descritas, constitúen unha prioridade para o país.

Vivimos unha emerxencia, tamén cultural. Debemos coidala e recuperala, mais precisamos a axuda de quen pode facelo, antes de que sexa demasiado tarde.

Consello Directivo da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega”.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies