A historia de “As Cachadas” na revista COUSAS DE

Hoxe falaremos do especial exemplar número 9 da revista trimestral COUSAS DE, dirixida por Jesús García Bastida e correspondente á primavera de 2021, que xa podedes adquirir de forma gratuíta en multitude de puntos de distribución de toda a provincia e, como non, en Librería Ler, Librería Cervantes da Guarda e Librería Ideas e La Segunda Vuelta en O Rosal.

A portada vén protagonizada pola imaxe dunha vieira, analizándose por que é precisamente un dos tres símbolos do peregrino por excelencia, xunto ao bordón ou a cabaza, sobre todo a partir do auxe das peregrinacións nos séculos XI e XII.

Entre os principais artigos e reportaxes que forman esta coidada edición, atópase o de “A danza de espadas de Redondela”, da autoría de Xosé Martínez Crespo e “Árbores testemuñas da historia: Orixe do Ombú do Castro”, realizado por Ángeles Barros, Pilar Vela e Carmen Salinero.

O investigador tudense Suso Vila volve a asinar “As Fortalezas da Raia Miñota. O sistema fortificado Salvaterra-Monçao” e Cristina Vilar Misa fai o propio co “Sancti Spiritus. O antigo hospital de peregrinos, hoxe arquivo e biblioteca de Baiona”.

Que dicir igualmente da documentada reportaxe realizada por Xosé Ramón Paz Antón, que leva por título “O túnel do Confurco, unha obra inacabada debido á Primeira Guerra Mundial” ou mesmo o artigo do propio director de COUSAS DE sobre “Discamino”, un proxecto que facilita o roteiro xacobeo para persoas con discapacidade e que tamén fai visible a necesidade de construir un mundo con maior accesibilidade para todas as persoas que por problemas físicos non poidan relizar este ou calquera outro roteiro.

As Cachadas na actualidade

Nesta ocasión tivemos a honra e o pracer de escribir sobre a historia das Cachadas (páxinas 52 a 55), unha empresa símbolo de A Guarda e, por suposto, do Baixo Miño da que atopamos en 1808 a mención máis antiga sobre esta telleira das Cachadas (de Lomba). Foi con motivo da construción da igrexa parroquial de San Xoán de Tabagón, en O Rosal.

Como sabedes, a coñecida como “Fábrica das Cachadas” está situada na parroquia de San Lourenzo de Salcidos e pertence, como dixemos, ao turístico e mariñeiro municipio da Guarda.

Nesta ampla reportaxe de investigación realízase un exhaustivo percorrido histórico dende o século XIX ata os nosos días, con entrevistas a antigos empregados incluídas.

Aquí se lembra que no seu apoxeo esta empresa chegou a ter uns 130 traballadores ou que a súa lembrada sirena serviu de guía durante moitos anos, sobre todo para a xente do campo. Xa que ás 8 da mañá tocaba 5 minutos e logo volvía a soar ás 9, ás 13, ás 14 e ás 18 horas. A fábrica pertence dende hai máis de dúas décadas a unha multinacional francesa.

Mención aparte merece a súa impoñente cheminea, que ronda os 60 metros de altura. Foi construída con materiais propios en 1954 e a compoñen máis de 44.000 ladrillos, cun peso que supera os 140.000 kg.

Nos últimos anos, grazas á implicación do concello da Guarda e á Deputación de Pontevedra levouse a cabo un proxecto de sinalización e acondicionamento da contorna da cheminea, considerada xa en terras baixomiñotas un auténtico monumento, símbolo e testemuña histórica.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies